Salustiano Mato, nuevo Rector de la Universidade de Vigo

 

Duvi | Vigo/Ourense/Pontevedra
O catedrático de Zooloxía, Salustiano Mato, será o quinto reitor da Universidade de Vigo despois que a candidatura de Alternativa Universitaria que lidera acadase o 52,60% do voto ponderado. Tras un reconto marcado pola igualdade, Mato, conseguía pouco antes das 21.00 horas do xoves, confirmar a súa vitoria fronte á candidatura de Nova Universidade liderada por Jaime Cabeza que acadaba o 47,40%. Nunha xornada de votación na que foron os sectores do PDI-A, cun 90% e do PAS (Persoal de Administración e Servizos) cun 75% os que acadaron as maiores porcentaxes de participación, seguidos do PDI-B cun 56% e o sector C (alumnado), cun 16%, Alternativa Universitaria revalidou o seu mandato por cuarta vez consecutiva. Como xa ocorrera en anteriores citas electorais a formación liderada por Salustiano Mato obtivo a confianza de todos os sectores, agás do PAS que de xeito maioritario apoiou a Nova Universidade.
“Estou encantado e feliz”, asegurou Mato tras coñecer os resultados. “Como di o noso lema fomos quen de conseguir a confianza da comunidade universitaria”, asegurou o líder de Alternativa Universitaria que sumou un total de 2512 votos, do total de 5471 emitidos ao longo da xornada electoral. Pola súa banda Jaime Cabeza que obtivo 2395 votos, asegurou que “é unha decepción, pero coa tranquilidade do traballo ben feito”. Ambos candidatos que unha vez coñecidos os resultados se fundiron nunha aperta, coincidiron en sinalar a necesidade de “remar xuntos na mesma dirección para facer a universidade que todos queremos”.

Alternativa acada o 52, 60% dos votos

O líder de Alternativa Universitaria acadou un 52,60 % dos votos ponderados fronte ao 47,40% do seu opoñente, Jaime Cabeza, obtendo o apoio de todos os sectores agás do PAS. Os datos do escrutinio reflicten a vitoria de Mato no colectivo de profesorado funcionario doutor, con 394 votos fronte os 323 acadados por Nova Universidade, unha vitoria que tamén se repetiu no resto de persoal docente e investigador, con 329 fronte 236. O estudantado tamén se inclinou polo candidato de AU, con 1576 votos, un resultado moi parello ao de NU, que acadou o apoio de 1527 estudantes. Salustiano Mato non contou coa maioría do persoal de administración e servizos, que lle outorgou 213 votos fronte aos 309 de NU. En total foron 2512 votos para a candidatura encabezada por Salustiano Mato e 2395 para a de Jaime Cabeza.
Por campus, no que se refire ao PDI o líder de Alternativa acadou a vitoria nos tres campus, mentres que no PAS a vitoria foi para Nova Universidade en Ourense e Vigo e para Alternativa en Pontevedra. No caso dos estudantes as urnas favoreceron a Nova Universidade en Ourense e Pontevedra e a Alternativa en Vigo. 
Por centros, hai que destacar casos coma os da EU de Estudos Empresariais en Vigo, que se decantou claramente pola opción de Nova Universidade -157 votos fronte a 13 de Alternativa- mentres que nas facultades do ámbito científico, do que procede Salustiano Mato, a balanza foi para AU. En Ourense, a ES de Enxeñaría Informática declinouse polo equipo liderado por Jaime Cabeza, mentres que a Facultade de Ciencias inclinouse de xeito claro pola opción encabezada por Mato.
En Pontevedra o caso máis destacable foi o da Facultade de Belas Artes que se decantou claramente por Alternativa, mentres que Ciencias da Educación e do Deporte, optou por Nova.

Datos de participación

5471 membros da comunidade universitaria exerceron o seu dereito ao voto, salientando a participación do profesorado funcionario doutor cun 90%, unha porcentaxe levemente inferior aos anteriores comicios, nos que se rexistrou un 91,53% de participación do mesmo colectivo.
O número de votantes tamén diminuíu no PDI con respecto ao 2006, posto que nesta ocasión a participación foi dun 56%, fronte ao 68,91 % de hai catro anos. Pola súa banda, nos colectivos de alumnado e PAS a participación rexistrada acadou as mesmas porcentaxes ca nas pasadas eleccións, cun 16% e 75% respectivamente.

Mato agradece o apoio e prioriza o Plan de Financiamento

Tras confirmar a súa vitoria, Salustiano Mato, agradeceu a participación da comunidade universitaria, así como as persoas que confiaron nel e “a ese continxente de case 400 profesores que traballaron arredor de min e que quixeron que eu liderara este proxecto colectivo”. Quen será o quinto reitor da historia da Universidade de Vigo tivo tamén palabras de recoñecemento para o candidato de Nova Universidade ao que agradeceu a súa chamada de felicitación. “O goberno da Universidade é un goberno para todos, no que imos contar con toda a xente e con eles para remar na mesma dirección”, sinalou Mato que a se amosou convencido que “aquí non hai que desperdiciar ningunha gota de talento e ningún dos activos e eu contarei con Jaime e o grupo que representa”.
Mato que recoñeceu o igualado e intenso do reconto dos votos, sinalou que agardan mellor resultado no sector do PAS. En relación coas súas prioridades apuntou por unha banda a preparación da estrutura de traballo e o calendario, aínda que sinalou como prioridades fundamentais o Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia, así como “conseguir esa imaxe de marca de campus de excelencia internacional que está preparando a Universidade con Campus do Mar”. Un proxecto no Mato recoñeceu o traballo de Alberto Gago que cualificou de “excelente”.

Jaime Cabeza, co consolo do traballo ben feito

A pesar da derrota, o candidato de Nova Universidade, Jaime Cabeza, amosouse satisfeito en certo modo co resultado que, por axustado, ratifica “que fixemos un bo traballo”. Cabeza foi dos primeiros en felicitar a Salustiano Mato e ambos destacaron a necesidade de traballar conxuntamente, “de remar todos xuntos”. Con todo, o candidato de NU, recoñeceuse “decepcionado porque esperaba gañar” e sobre todo polo traballo desenvolvido polo seu equipo. “A que desenvolvemos foi unha empresa maiúscula e houbo partido ata o final, polo que me quedo coa tranquilidade do traballo ben feito.
Sobre o seu rival nesta campaña, Cabeza non dubidou en recoñecer que “a Universidade de Vigo queda en boas mans, as mans de todos, porque a comunidade universitaria non se equivoca”. 
Como valoración global, Jaime Cabeza definiu este período como candidato como “unha experiencia moi bonita, agora toca volver o Dereito do Traballo” pero recalcou a súa disposición para traballar a prol da Universidade.

A satisfacción do reitor saínte

Satisfeito dobremente pola vitoria de Alternativa Universitaria e por “poder volver ás tarefas de docente e investigador”. Así se amosou o reitor saínte, Alberto Gago, tras coñecer o resultado electoral. Sobre o resultado por sectores, Gago subliñou o feito de perder entre o PAS que “é xa unha pauta histórica en todas as anteriores eleccións”, pero puxo en valor a vitoria nos outros tres sectores, sobre todo entre os estudantes”. No tocante ao PDI, o reitor en funcións apuntou que “por descontado contábamos con obter o seu apoio, porque a proposta de Salustiano Mato era máis consistente, máis ambiciosa e decidida”.
Acerca do novo período que está a piques de comezar, Gago subliñou a importancia de que o novo reitor comece o seu mandato coas mans libres, “pero achégame tamén a seguridade na continuidade dos grandes proxectos que están en marcha”. Sobre o seu sucesor, Gago puntualizou que é “unha persoa que está predestinada para isto, pola súa formación e decisión e tamén polo adestramento previo en todo tipo de actividades”, salientando a de investigador, porque “algo moi necesario para asumir esta responsabilidade é partir dun grupo de investigación potente”.

División no voto de docentes e estudantes en Ourense

Máis de 5500 persoas estaban chamadas ás urnas no campus de Ourense nesta xornada electoral. Os votos válidos emitidos foron 1282 e a súa lectura amosa unha clara división no voto de docentes e investigadores por unha banda, que se decantaron pola candidatura de Alternativa Universitaria e estudantes e persoal de administración e servizos pola outra, que apoiaron na súa maioría a opción de Nova Universidade. Cos resultados finais que situaban a Salustiano Mato como novo reitor da Universidade de Vigo, María Lameiras, candidata á Vicerreitoría do campus, non ocultaba a súa “grande alegría” porque, segundo explicou, “a Universidade gaña ao mellor candidato xa que ten todos os avais para facer da institución un espazo mellor para todas as persoas que traballamos nela”. Como vicerreitora do campus a profesora Lameiras afirmou que porá toda a súa enerxía e capacidade de traballo “para situar ao noso campus no lugar que se merece, pelexando por acadar unha maior autonomía e capacidade de autogoberno". 
Con moitos e novos obxectivos está tamén María Victoria Jato, candidata á Vicerreitoría de Investigación e Transferencia do campus de Ourense. A profesora Jato revelou a súa “enorme ilusión” ante o novo reto que ten por diante e situou como primeiro obxectivo “tratar de aliviar o traballo de tipo administrativo e burocrático que os investigadores temos que facer”, nunha liña de traballo que a situará “moi próxima aos grupos de investigación para coñecer de preto a súa problemática e tratar de solucionala”.
O candidato á Vicerreitoría do campus de Ourense por Nova Universidade, Enrique Barreiro, pola súa banda, felicitou a María Lameiras e a María Victoria Jato polo triunfo. O profesor Barreiro subliñou dos resultados “o feito de mellorar os de hai catro anos” e, como director da ES de Enxeñaría Informática, amosouse “moi orgulloso dos meus alumnos porque apoiaron maioritariamente a nosa proposta”.

Alternativa Universitaria convence tamén en Pontevedra

Con 417 votos fronte a 351, Alternativa Universitaria gañou as eleccións no cómputo xeral do campus de Pontevedra, recibindo o apoio maioritario na EU de Enxeñaría Técnica Forestal (20 votos fronte 8), na EU de Fisioterapia (82-24) e na Facultade de Belas Artes (104-23). 
Sen tempo aínda para analizar os resultados polo miúdo, Antonia Blanco, que será a nova vicerreitora do campus, amosaba a súa satisfacción ao remate do escrutinio. “Estamos moi contentos porque en Pontevedra melloramos os resultados das anteriores eleccións, a pesar de que o outro grupo loitou moito e tamén acadou os seus apoios”, sinalou. Pensa que a clave reside na “solidez” que transmite o seu proxecto polos anos de xestión e en que o seu candidato “está no tren do futuro proxectado en Europa”. De cara ao seu mandato destaca que “estrutura da vicerreitoría xa está consolidada e agora comeza unha nova etapa na que cómpre equipar os grupos de investigación, finalizar infraestruturas e consolidarse na cidade”. Blanco asegura que pasou unha xornada electoral tranquila na súa facultade e decidiu quedar en Pontevedra para celebrar a vitoria coa súa xente.
Pola súa parte, Margarita Pino, a candidata á vicerreitoría do campus por Nova Universidade, felicitou á súa compañeira tan axiña como coñeceu os resultados. Sen atreverse a facer unha valoración a fondo por mor da premura, atribuíu a derrota ao voto do PDI-A. “Supoño que o proxecto de Alternativa Universitaria gustou máis, así que nós tamén nos sumaremos a el”, comentou e apuntou como primeiro paso neste senso o feito de que os dous equipos se xuntaron tras coñecer os resultados para celebralos conxuntamente.